Ana María Soto Landeira

FONTE: Faro de Vigo. David García. Bueu.

Ana María Soto Landeira é unha desas mulleres que pode ser calificada como unha auténtica pioneira. Ela traballou en Massó, pero non como unha obreira máis. Foi a primeira asistenta social de Galicia e desde o seu posto esforzouse por mellorar as condicións laborais e de vida dos empregados da conserveira en Cangas e Bueu, unha tarefa á que dedicou prácticamente toda a súa vida profesional. Tanto que hoxe segue sendo recordada por moitas e moitos dos antigos empregados da fábrica, os mesmos que rememoran que había días que nada máis baixar do barco Vigo-Cangas xa tiña no porto una longa fila de persoas esperando para falar con ela. A súa é unha historia que merece ser contada e valorada. Foise soa a Madrid en plena década de 1950, algo absolutamente excepcional para unha muller naquela época, para estudar e formarse nunha materia que poucos coñecían naquel entón (…).


- Vostede foi a primeira asistenta social que traballou en Galicia, nunha época na que nin sequera se impartía esa formación aquí. Como descubriu a súa vocación e dedicouse a iso?

Cando acabei o bacharelato o meu pai animoume a seguir estudando, polo que me fun a Santiago, onde tiñamos familia, para facer Maxisterio. Ao acabar regresei a Vigo e empecei a dar clases polas tardes nunha escola para obreiras dunha asociación católica. A verdade é que eu era unha verdadeira cativa que tiña que dar clase a persoas moito maiores. Ao principio pensei que me ían comer crúa, pero entusiasmábame poder axudar á xente. Un día invitáronme a unha charla da asociación para facer vulto porque temían que non fose ninguén. O conferenciante, que era un pai xesuita, comezou a falar dunha serie de persoas que traballaban nas fábricas facendo un labor moi bo e interesante. A verdade é que me gustou moito e ao terminar animoume a que empezase a visitar ás obreiras das empresas. Conseguiu que nunha fábrica metalúrxica de Vigo deixasen saír ás obreiras media hora antes un día á semana para reunirse comigo e contrme os seus problemas. Máis adiante, ese pai xesuita estivo en Madrid e viu falando marabillas da escola de asistentes sociais. Eu empecei a pensar que aquilo era o meu e o preguntoume si estaba disposta a irme.

– E cal foi a súa resposta?

Eu díxenlle que si, pero que o problema ía ser a miña familia porque pensarían que estaba tola [risas]. Pero aquel bo home moveuse moito por min, buscoume unha beca, aloxamento… e finalmente marchei a Madrid. Aquilo era una novidade naquela época e, aínda que tiña o apoio da miña familia, tardaron en entender que era o que eu estaba estudando. Acórdome que unha vez a unha irmá miña preguntáronlle que era o que facía eu en Madrid e ela contestou que algo de asistenta. Así que lle responderon algo así como que “para ir servir a unha casa non fai falta estudar tanto” [risas].

-Una vez acabada a súa formación e as súas prácticas, como comezou a traballar en Massó?

Eu coñecía á muller de Gaspar Massó e foi ela la que lle falou de min. Un día chamoume para unha entrevista e empezou por preguntarme que ía facer na empresa. Eu díxenlle que non o sabía, o que o deixou moi asombrado. Eu acababa de estudar e aínda que fixera prácticas en empresas sempre había alguén axudándome e orientándome. E agora da noite para o día dinme que vou traballar para una compañía con case 1.000 traballadores. Así que lle dixen que necesitaba un tempo para coñecer a empresa, ver as súas necesidades e poder realizar un informe. En concreto pedinlle tres meses dicíndolle que nese periodo se esquecera de min, e ata que non me dese de alta na Seguridade Social, que esperase a que lle entregase o meu informe e que decidise logo.

– Cal foi a súa resposta?

Foi positiva. Deume un pase para viaxar en primeira no barco Vigo-Cangas e cando cheguei á fábrica pasoume algo parecido co administrador. Conseguín que me deixase total liberdade de movemento, aínda que ao principio non lle gustou que lle dixese que ía visitar ás familias ás súas casas. Díxome “nin se lle ocorra” e que ata a el daríalle medo. Eu díxenlle que a min non, que eu quería coñecer as súas necesidades e que me coñecesen a min. A verdade é que me acolleron cos brazos abertos.


- E o seu informe?

Comecei a traballar o 1 de febreiro de 1955 e o informe presenteillo cando apenas levaba mes e medio na empresa. Ao lelo díxome que nada de tres meses, que xa estaba fixa. Ao principio déronme de alta como administrativa e logo sen que eu o soubese nin o pedira cambiáronme a unha categoría superior, prácticamente a continuación do xefe supremo. Acórdome que ao principio a primeira petición que me realizou Gaspar Massó foi que lograse que todos os traballadores se duchasen e que se conseguía iso daba por ben investido o diñeiro que me pagaría. E naquel entón non había auga corrente en O Morrazo.


- Cal era a súa tarefa e que necesidades viu na fábrica cando chegou?

A min interesábame coñecer a situación das familias, por iso as visitaba nas súas casas. Eu non quería que me visen como unha inquisidora que ía ver por que non estaban traballando se estaban de baixa. Atopei un alto índice de analfabetismo, con moitas persoas que asinaban co dedo, e en numerosas ocasións tiña que facer de tradutora coa xente que viña do médico ou de baixa, porque o que me dicían eran auténticas barbaridades. Acórdome dunha persoa que viu xunto a min porque o médico dixéralle que era apta “só para traballiños sexuais”. Eu quedeime sorprendida e pregunteille se o doutor non lle dera unha carta para min. Así era, e no papel poñía o seguinte: “Enferma só apta para traballos sedentarios”. Ese foi outro labor importante, e á xente que non podía traballar en determinados postos de esforzo foi trasladada a outros máis sinxelos, e a que viña dunha baixa longa era incorporada de xeito gradual. Así se sentían mellor, e evitábanse recaídas e baixas máis longas.

– O 8 de abril 1965 Gaspar Massó impartiu unha conferencia en Cartaxena na que se referiu precisamente ao traballo da asistente social. Dixo literalmente que era “un gran escéptico (sic) cando unha comisión de señoras, incluíndo a miña, propúxome unha Asistente Social, que eu consideraba un enchufe máis. Hoxe, despois do éxito obtido entre todo o noso persoal, teño que confesar o meu gran erro, e recomendar resoltamente entre os Empresarios que teñan sequera cen traballadores”. Parece que o seu traballo convenceulle moi rápido, e que como responsable da empresa era moi receptivo.

Si. Unha das primeiras propostas que fixen foi a dotación dunha gardería con pediatra para que os fillos dos traballadores estivesen ben atendidos mentres os seus pais traballaban. Ata aquel momento deixaban aos pequenos a cargo dos seus irmáns maiores, que na maioría de casos eran uns nenos. Unha vez case pasa una desgraza nunha casa e conteillo a don Gaspar Massó, que enseguida aceptou a proposta da gardería dicíndome: “Móntea vostede coma se fose para os meus netos”. Foi un gran invento porque as mulleres tiñan media hora para a lactancia, ao chegar á gardería duchaban aos fillos, cambiábanlles de roupa e estaban vixiados sanitariamente desde o primeiro día. Co paso dos anos, ao final a gardería acabaría pechando, pero tamén xestionamos moitas becas de estudos porque en Cangas e Bueu había xente moi válida e que agora está dando clases na universidade ou en institutos.

Pero antes ata diso, a primeira medida que adoptamos foi pedirlle ás persoas que viñan pedir traballo un certificado médico do Patronato Nacional Antituberculoso. Con anterioridad houbo moitas baixas e algúns falecementos por causa da enfermidade, e eu orientaba ás persoas que viñan. Eu ía ao médico con aquelas que non tiñan quen lles acompañase ou que non sabían desenvolverse. Co tempo tamén se constituíu un comedor, con prezos moi baixos, para que as persoas que traballaban pola tarde non tivesen que ir ás súas casas e volver correndo, e na hospedería se habilitaron vivendas para os traballadores.


- Como se gañou a confianza do persoal?

Insisto en que sempre quixen que me visen como unha man amiga que lles axudaba a volver á empresa se estaban de baixa e non como una inquisidora laboral. A xente que viña sabía que todo o que me contasen quedaba alí, aínda que fose unha tontería, e nunca fun unha “correveedille” dos xefes. En moitas ocasións só o feito de contar as cousas que lles pasaban xa lles supoñía un alivio. Había días que tiña que dar a vez diante da porta do meu despacho! [risas]


- O seu traballo tivo que ser necesariamente bo, porque en 1963 concedéronlle o premio á mellor asistente social do ano.

Don Gaspar entusiasmouse co meu traballo. Chamou á persoa que me impulsou a estudar para asistente social para dicirlle que estaba moi contento e quería compartir o seu benestar co resto de empresas. Por iso decidiu concederme un día do meu traballo, pagado por el, para que me fose a Santiago a dar clase ás asistentas sociais [na Escola de Ensino Social de Galicia, da que tamén fun cofundadora, e agora integrada na Universidade de Santiago]. Naquel entón había un patronato de empresarios e nunha reunión Don Gaspar Massó entusiasmouse tanto co traballo das asistentas sociais que dixo que estaba disposto a dar un premio de 5.000 pesetas á asistenta que o resto de empresas elixisen. Todas se decantaron por min e el díxome: “Sinto vergoña de que sexas a primeira, porque es a asistente da miña empresa, pero eles o queren así”.

– Vostede tivo ata a oportunidade de deixar a fábrica para irse a traballar para Mutualidades Laborais, que dependía do Estado. Por que rexeitou a oferta?


Falaron comigo para dicirme que ían abrir aquí un Fogar do Pensionista e que necesitaban a alguén de peso para a xestión. Penseino, sobre todo porque ao traballar en Massó eu tiña que ir todos os días ao Morrazo, malia as mareas e que o porto estivese pechado. Comenteino co administrador da fábrica e el díxome: “Ana María, eu sentiría moito perdela, pero o que lle están ofrecendo é ser funcionaria e iso é moi importante”. Así que el mesmo animoume para que fose a comprobar en que consistía o traballo. Os de Mutualidades leváronme a Madrid a ver un centro, pagándome incluso a Seguridade Social por esa viaxe. Pero cando cheguei alí e vin o que querían díxenlles que o sentía moito, pero que eu me quedaba en Massó. Sentíame moi unida á empresa, a Cangas e Bueu porque estabamos realizando un bo labor, ata coa mocidade.

– Traballou para Massó durante décadas, axudándolles incluso unha vez que vostede se xubilou. Hai moita xente que se acorda de vostede e aínda lle profesa un gran agarimo, o que supoño que é a mellor recompensa que pode recibir o traballo ben feito.

Cando vou no Circular 1 por Vigo aínda hai persoas que se dirixen a min para dicirme “vostede é a señorita de Massó”, e acórdanse do meu traballo. Resulta gratificante porque a xente acórdase do teu traballo e valórao. E salvo raras excepcións, todo o mundo fala ben de don Gaspar Massó.


- Que lle parece a iniciativa do Concello de Bueu de acordarse das mulleres que traballaron nas fábricas da conserva, e de vostede mesma, que axudou a mellorar as súas condicións?

Sinceramente non me gusta presumir, pero son humana e a todo o mundo gústalle que valoren o que fixo. Pero gñustame máis polo feito de que se acorden da empresa que de min mesma. E é que se Massó non fose unha compañía modelo, eu non podería ter feito nada.


- Cre que o exemplo de Massó de apostar polo “apostolado” do traballo social rendeu no resto do tecido empresarial de Galicia?

Eu creo que si. Cando se creou a Escola de Ensino Social e o seu patronato había empresas que se dirixían a min para preguntarme ou pedirme consello. Logo de Massó, houbo compañías como Zeltia, Vulcano, Barreiras ou Álvarez que contrataron asistentas sociais. E a traballadora de Álvarez foi a primeira que tivo un coche, un pequeniño!


- Que sinte ao ver o que foi no seu día Massó cando o compara co pouco ou nada que queda hoxe?

Moitísima pena, tanta que me dan ganas de chorar. Non fallou nunca, pero non a min, senón ao seu persoal e traballadores. Hai que ter en conta que antes de que eu entrase na empresa eles xa facían o que podían. A Massó débeselle moito no campo da asistencia social en Galicia.