Cruz

Cruz e unha das tres mulleres que protagonizan o mural de Expostas sobre a violencia de xénero.

Ela é unha persoa non coñecida, unha desas persoas que se cadra todas e todos nos cruzamos pola rúa. Ela é unha desas mulleres que sofren a violencia psicolóxica, a violencia que non deixa marcas físicas evidentes e que é tan difícil de identificar, pero que deixa grandes secuelas nas súas víctimas.

Parécenos importante a súa historia, a súa participación nesta imaxe, pero tamén preservar a súa intimidade por non ser unha personaxe “pública”.

 

1. Como che gustaría ser lembrada?

A verdade é que nunca me plantexei como quería ser lembrada, imaxino que me conformo con que a xente que me coñece, a máis próxima, a de verdade, me lembre e que eses recordos sexan sempre de cousas boas e divertidas, aínda que lles deixo tamén que fagan alusións a que teño un carácter forte (risas).

Presentaríame como unha muller traballadora, comprometida, incoformista e “disfrutona”: gozo moito do meu tempo, para facer todo aquilo que me gusta e como digo ás veces, non me chega esta vida para facer e aprender todo o que querería, polo que podo engadir… inquieta?? (risas)  Defínome tamén, ultimamente, como feminista, tema no que empecei a investigar recentemente e no que aínda me queda moito camiño que percorrer. Pero polo menos sei usar o termo e teño unha visión crítica da sociedade, na que é necesario que todas as persoas nos poñamos as nosas lentes violetas, de cando en vez. Paréceme moi triste que mulleres que moven a moitas adolescentes e xente xoven, fagan declaracións totalmente desafortunadas sobre este tema.

2. O que nos puxo en contacto foi o mural Expostas contra a violencia de xénero, que é o que máis che gusta do proxecto?

Podo dicir que me parece unha idea moi boa decorar os espazos “descoidados” da cidade e convertelos nun gran lenzo de arte, encántame atoparme en Vigo estas paredes. Se engadimos que son artistas novas e mulleres, e que tratan de visibilizar unha secuela social como é a dos malos tratos á muller, pois gústame aínda máis.

É un feito que o espazo público, e neste caso artístico, continúa sendo liderado e manexado por homes, polo que debemos apoiar estes proxectos, e foi un motivo que podería ter quedado no tinteiro, xa que Vanesa non atopaba voluntarias para pintar. Isto foi o que me fixo expoñerme e ofrecerme voluntaria para que se puidese facer. Considero que tendemos a protestar desde o noso sofá, colgando cousas varias nos nosos facebooks, ou queixándonos en conversas, cando o que hai que facer é comprometerse e ser un pouquiño máis “activistas”.

3. A violencia de xénero é un problema que ten a máxima atención nos departamentos de igualdade, está considerado un problema principal, pero as cifras aumentan cada día, crees que hai que cambiar algo?

Non hai que cambiar algo, hai que cambialo todo.
Non se por onde empezaría, pero creo que desde o principio, desde onde e como nos educan: roles, estereotipos, esperando a príncipes, necesidade de ter parella, maternidade, limpar, muller traballadora, muller perfecta, tía boa, boa amante… e tendo en conta que os mozos tamén teñen os seus estereotipos, non nos esquezamos. A educación dos nenos e nenas e das/os adolescentes é o principal, dotalas/os dunha visión crítica e dunha boa educación emocional, para evitar un futuro cheo de cifras arrepiantes como as que temos hoxe.
Despois, imaxínome que cando unha muller non denuncia ou denuncia e volve co seu maltratador, aí temos un problema. Ou a muller que unha vez tras outra, repite con parellas maltratadoras. Dóeme na alma escoitar frases como “tan malo non é que volve con el”, “son tal para cal”, “se volve é que é parva…” etc.
Creo que falla o sistema no acompañamento desa muller, cara á súa independencia emocional, laboral e afectiva. Non entendo por que é ela a que se ten que esconder, deixalo todo, irse, cando ela é a vítima. Necesítanse moitos máis recursos e persoal especializado dos que temos dispoñibles hoxe en día, tanto para atendelas a elas, como para que se cumpran as ordes de afastamento e para tratalas psicoloxicamente.

4. Os estudos sinalan a ausencia de denuncias como parte do problema, que opinas?

A ausencia de denuncias, aínda que estas aumentan cada día -non hai máis que ler a prensa- creo que se debe, precisamente, ao que me refería antes: unha muller que está anulada psicoloxicamente, que xa non sabe nin quen é, nin o que lle gustaba a ela, que cre que o problema de que el se poña así é dela, está claro que ten unha dependencia emocional e psicolóxica da súa parella (sen mencionar a económica). Vai a denuciar?? Pois non! Quizá dotándoa aos poucos de recursos, de apoio continuado no tempo, poida que se logre algo. Ademais, o peor de todo, é a VERGOÑA, por iso hai que desmitificar este tema, falalo abertamente e que se saiba que a calquera lle pode pasar e que disto tamén se sae.

5. Dar a cara e dar a coñecer o problema sobre todo por parte de xente coñecida e inspiradora fixo avanzar na loita, se puideses escribir unha palabras para outras mulleres, adolescentes e nenas nesta situación, que lles dirías?

Eu só podo falar do que eu vivín, e é que sen decatarte, atópaste nunha espiral á que non sabes como chegaches, e que eu asumín un ano despois de estar “fóra”.
Nenas/Adolescentes/Mulleres: non existen as “relacións tóxicas”, iso é un eufemismo total. Non te ten que pegar para que sexan malos tratos. Unha parella debe sumar-TE. Sempre!! Non te debe cuestionar: que se mira que dis, que carácter tes, non debe bromear diante de amigas/os sobre temas íntimos, non te debe gritar, debe apoiarte nas decisións que tomes, animarte e non desilusionarte. Non meterse coa túa roupa, cando xa che coñeceu así, non botarte a rifa se xa estás desgustada, se por exemplo lle diches un golpe ao coche. Non botarte a culpa. O importante é que sexan independentes: estudar, traballar, viaxar, coñecerse (a todos os niveis) antes de empezar unha relación. E se non che gusta… déixao, hai parellas ás que non podemos “salvar”.
Ás que xa están nesta situación: cóntalle o que pasa a alguén moi próximo (á túa familia), que non che dea vergoña, que sei que dá, e márchache, sal de aí, bloquea as redes sociais, se é necesario. Non cambian, despois da rifa, veñen as desculpas e empeza a fase de “lúa de mel”, pero é cíclico ,e volvemos empezar, e iso non é un parella, é unha espiral.

6. Queremos que a mensaxe xeral do noso proxecto sexa positiva, de loita, de esperanza… Que quererías engadir a esta mensaxe?

Engado que é un camiño que temos que percorrer todos e todas xuntas/os, coa igualdade e a educación da man.

7. Atreveríaste a dar unha definición de muller para os dicionarios do futuro?

Ser vivo, independente, que percorre o seu camiño cunha gran forza interior e exterior.