INMA LÓPEZ SILVA

– Quen é Inma López Silva?

Son escritora  crítica teatral. Son ademais feminista de esquerdas. Son galega e galeguista. Vivo na arte porque a arte é vida. E creo profundamente na necesidade de experimentar a vida de xeito absoluto e, sobre todo, libre.

– Fuches galardoada, sendo aínda moi nova, pola obra “Neve en abril”, que orbita ao redor da Historia e o recordo. Cal é a importancia da memoria na construción literaria das identidades femininas? 

En boa medida, as identidades femininas foron excluídas dos nosos imaxinarios debido a que, a orde histórica patriarcal non gardou memoria das mulleres referenciais. É por isto polo que o feminismo ten como un dos seus cometidos a recuperación da memoria das mulleres do pasado así coma o traballo para salvagardar a memoria das mulleres do presente. Unha identidade é, en boa medida, un depósito de símbolos, ideas e referencias, e por iso é esencial para construír o concepto de muller o traballo neses elementos identitarios referenciais que permiten, ademais, demostrar a tese igualitaria do feminismo, demostrando que as mulleres do pasado proporcionaron ferramentas desde onde sermos libres e reformular o concepto de poder.

– Que implica que a túa obra fora escollida para inaugurar unha colección editorial centrada nos feminismos, da man dunha editorial como Galaxia?

Foi unha honra que o número un da primeira colección de ensaio feminista da cultura galega sexa un libro meu onde, ademais, se contan xustamente as eivas do mundo da cultura en canto ao trato igualitario e libre das mulleres escritoras. Ademais, o xénero ensaístico é seguramente o que mellor expresa a actitude patriarcal, pois implica un pacto con quen le baseado na autoridade (o poder) de quen escribe. Eu creo firmemente que é posíbel facer outro tipo de ensaio, desde un pacto diferente, cunha ollada en que a persoa que escribe e a persoa que le colaboren na construción do coñecemento que se transmite a través do xénero ensaístico. Iso pretendín ao escribir “Chámame señora, pero trátame coma a un señor”, co seu ton confesional, case coloquial, e moi divulgativo, e dalgún xeito está presente en todas as propostas da colección, demostrando, efectivamente, que o ensaio feminista é renovador por definición. Estou orgullosa de que sexa Galaxia, a miña casa desde sempre, a que acolla Feminismos.

– Dende a túa experiencia, que significa ser “señora” nun mundo de “señores”? 

Significa un trato constantemente paternalista, condescendente e minorizante, nun espazo en que, só por ser muller, tés que demostrar que acadas un nivel intelectual e creativo elevado alí onde calquera home non ten que demostrar nin media idea.

– Faltan máis mulleres dramaturgas que compoñan personaxes femininos que ofrezan referentes á cidadanía alonxados dos estereotipos?

Por suposto. Hai estudos que amosan un dato moi revelador: arredor de só o 30% dos personaxes protagonistas do teatro son mulleres, algo que supón, non só a ausencia do punto de vista feminino en boa parte do teatro universal (como acontece con calquera outro xénero literario), senón ademais a invisibilidade das mulleres como motores da acción (só move a acción e o conflito quen ten poder para facelo) e, en consecuencia, a invisibilidade das mulleres actrices, relegadas sempre a papeis secundarios (o que implica, por certo, que cobran menos). É fundamental a irrupción das dramaturgas con conciencia de xénero, pois elas poden aportar personaxes femininas que non só coloquen os temas clásicos noutros puntos de vista, senón que elaboren eses personaxes desde a súa capacidade para visibilizarse e tomar a iniciativa, modelo que se afasta do estereotipo de muller bela e pouco activa propia do teatro universal.