LEDICIA COSTAS

– Quen é Ledicia Costas?

Sobre todo, unha persoa testana no que se refire ao traballo. Un día decidín quitar a toga e mudar os códigos lexislativos pola literatura e a iso entreguei a miña vida. Será porque estou feita de palabras ou porque non sei vivir sen construír ficcións. De nena suspendía os exames porque era incapaz de prestar atención aos profesores. Sempre estaba coa cabeza noutros mundos paralelos que inventaba. Daquela non entendía o motivo. Agora si.

– Que papel dirías que desempeñan o humor ou a honestidade no tratamento literario de temas complexos ou delicados, especialmente nas obras destinadas ao público infantil?

Toda a miña obra infantil pivota arredor do humor. É un elemento que sempre sitúo no centro e, a partir de aí, constrúo as tramas. O único xeito de escribir que coñezo é desde a honestidade. Defendo que ao público infantil podemos falarlle de calquera tema. Iso si: hai que esforzarse e dar co xeito idóneo de facelo. Esa é a chave: ser habilidosas á hora de nos dirixir a ese tipo de público. Non é fácil. Require constancia, esforzo e moitas horas de voo!

– Segundo a túa experiencia, que dificultades específicas atopa na súa carreira literaria unha muller que escribe nunha lingua minorizada? 

Primeiro, o número de lectoras e lectores en galego. Ese é un límite co que contamos desde o punto de partida. Romper a barreira dos prexuízos que hai arredor do galego é moi complicado, mais non imposible. Logo contamos cunha enorme dificultade para sermos traducidas a outras linguas. Salvo excepcións, o sistema editorial español vive de costas ás creadoras que escribimos nas linguas cooficiais. Isto é durísimo, porque podes ter unha obra sólida en Galicia e ser unha completa descoñecida fóra dela. Unha vez que entras no sistema literario español, tes que empezar de cero. O segundo paso é entrar no mercado europeo, oriental, americano… A día de hoxe creo que todo isto só é posible con moita sorte e unha entrega absoluta á literatura.

Pero ademais disto que veño de relatar, no día a día, as escritoras galegas temos que aturar paternalismos, trato condescendente e mesmo leccións de feminismo. Tamén queixas daqueles homes “aos que non lles agradecemos publicamente todo o que somos”, suspicacias… No meu caso, mesmo hai quen pon en cuestión que non vivo da literatura. Que as cantidades que percibo en concepto de dereitos de autora non son suficiente para vivir. Coma se esas persoas recibisen as miñas liquidacións nas súas casas! Estamos rodeadas de francotiradores que nos cuestionan unha e outra vez. Vivmos situacións violentas nos espazos máis inverosímiles, coma nos xurados dos premios, onde se nos ataca, se cuestiona o noso criterio. Por fortuna, entre nós estamos tecendo unha importante rede que se sustenta na sororidade.

– En liñas xerais, dirías que a tradición, o patrimonio inmaterial e, en xeral, a cultura galega atopan un bo vehículo de transmisión e difusión na literatura que se vén facendo na nosa comunidade nos últimos vinte anos?

Eu creo que a literatura é un xeito de comunicación perfecto. E si, funciona como canle para transmitir o que somos, o que é a nosa sociedade. O noso xeito de entender a vida, de estar no mundo.

– Faltan máis mulleres con postos de responsabilidade na industria que promovan proxectos editoriais cun enfoque máis feminista?

A presenza das mulleres no mundo editorial está moi por detrás da presenza dos homes. Iso xa sen entrar na cuestión de mulleres que desempeñen postos de responsabilidade. Non hai dúbida de que é a nós a quen nos corresponde por dereito propio promover proxectos editoriais feministas. Mais son eles os que ostentan os cargos de responsabilidade. Isto provoca que se produza unha especie de substitución pouco natural: homes que abordan proxectos feministas, mais que, en moitos casos, están cheos de carencias. Nin sequera logran identificar o trato paternalista que empregan cando se dirixen a nós. É tremendo, porque o sistema está cheo de autoras que “semellamos obrigadas” a dar as grazas a homes. As grazas por deixarnos ser, por darnos voz, por permitirnos estar… Cada vez levo isto peor. Necesitamos mulleres con postos de responsabilidade no sistema editorial, mais tamén homes decididamente feministas. Aquí non valen as medias tintas: ou se é, ou non se é.