MARÍA REIMÓNDEZ

– Quen é María Reimóndez?

María Reimóndez é unha lucense rabuda, curiosa e cos ollos e sobre todo os oídos abertos a todo o que a rodea, sobre todo ás situacións de inxustiza. Tamén diría que son bastante “traballadoriña”, que é algo que me dicían na casa e creo que sigue sendo verdade.

– A María Reimóndez escritora, a tradutora, a intérprete, a cooperante… como se traballa dende o feminismo de xeito transversal en eidos e disciplinas aparentemente tan dispares? 

Como dicía antes, todo parte da ira ante a inxustiza, todo ten a mesma raíz. Escribo, traduzo, interpreto, traballo coas compañeiras do sur para desfacer a desigualdade dende a raíz. Dende este enfoque, non me valen as achegas superficiais, cómpre traballar o imaxinario e tamén todo tipo de desigualdades, dende o xénero á lingua pasando pola clase social, a posición, a colonialidade, a procedencia, a discapacidade.

– Consideras que existe, dalgún xeito, unha tendencia a identificar a lingua escrita (oficial, académica, “respectable”) co masculino, e a lingua oral (ritual, testemuña, costumista) co feminino? 

No caso do galego a situación é aínda máis complexa ca esta. Existe unha fenda de xénero moi clara: ao considerarse tradicionalmente o galego unha lingua bruta (algo que vemos entre a mocidade aínda hoxe en día, abonda lembrar aquelas declaracións dunha concursante galega de Gran Hermano que dicía que se un rapaz lle viña falando galego xa non quería saber nada del), é máis habitual que as mulleres, mozas e nenas abandonen a lingua propia antes ca os homes. Isto crea de base unha situación engadida de discriminación. Ás mulleres aínda se nos esixe máis falar castelán para “ascender socialmente”. Nese contexto, escribirmos en galego as mulleres é aínda máis unha dobre transgresión.

A maiores, debido ao proceso recente de normativización do galego, tamén hai unha tendencia na escrita (falo exclusivamente de literatura) a afastarse do oral, a tentar cumprir obsesivamente unha norma que hai varias décadas precisaba asentarse. Hoxe en día debería haber un espazo máis flexible na creación para que a lingua respire. Eu utilizo formas dialectais na miña obra con moita frecuencia, é un xeito de caracterizar personaxes e de manter vivo aquilo co que crecimos.

– A túa “folla de vida” inclúe a posta en marcha e/ou promoción de clubs de calceta, clubs de lectura, grupos de axuda mutua… Como valoras a importancia destes espazos de encontro, aprendizaxe e apoio tradicionalmente femininos? 

Sempre digo que actuar no individual é indispensable pero que se realmente queremos transformar a sociedade temos que facelo dende o colectivo. Tradicionalmente, e moi en contra do discurso patriarcal das “mulleres como inimigas”, as mulleres teceron espazos que son para min a esencia da política, que se basean en apoiar a outra cando o precisa, no que o precisa mais de xeito crítico e co obxectivo de que creza na súa liberdade. Sempre digo que se as mulleres sobrevivimos é sempre porque temos outras mulleres ao redor apoiándonos. Eu procuro cultivar esa cultura política non xerárquica do apoio e a empatía por onde paso.

– Faltan máis mulleres no mundo da tradución que contribúan, coa súa revisión, a corrixir o sexismo presente na linguaxe? 

Eu creo que o que falla é un discurso crítico máis asentado. Ás tradutoras, que somos maioría mulleres nos espazos non prestixiados (fronte a literatura, onde en galego polo menos hai unha proporción desmedida de homes), se nos educa e disciplina para a obediencia (mediante metáforas como a “fidelidade” ao texto ou autor orixinal). Faise porque interesa, porque temos moito poder, estamos nos lugares onde se tocan as culturas e onde o patriarcado se reproduce impunemente. Neste sentido cómpre seguir traballando no empoderamento das tradutoras, en que recoñezan o seu poder e non se oculten tras este tipo de discursos para seguir reproducindo a linguaxe sexista, o racismo e o discurso colonial. Precisamos outro discurso para poder traducir como cidadás dun mundo que nos afecta.