Miriam “La REYNA Gutiérrez”

A chamada que cambia todo foi no noso caso a de Miriam Guitiérrez. Campioa de España de boxeo, cun palmarés impresionante nos últimos anos e un futuro prometedor dende a súa estrea no boxeo profesional. Quería participar no mural #NinUnhaMenos.

Muller guerreira que cada día afronta o seu desexo de mellorar e crecer no mundo dun deporte prexuizosamente masculino, maioritariamente vendido como espectáculo, cando hai unha palabra que o define moito mellor: “Sacrificio”.

Proclamada “Reyna” polos seus compañeiros de entreno, un trono acadado con decisión, tesón e claridade. Unha muller que marca os seus obxectivos e camiña ata eles co puño en alto, coa mirada segura.

Non parece o retrato robot dunha muller que foi vítima, con todas as letras. Unha muller que quere agora axudarnos a todas, e á nosa sociedade, a ser quen de prever, loitar e acabar cunha imposición e violencia que afecta tamén as mulleres máis “fortes”.

1. Como che gustaría ser lembrada?

Como unha gran persoa que axudou, que axuda e seguirá axudando a moitas persoas que o necesiten. Como unha boxeadora e unha gran adestradora.

Miriam Gutiérrez, boxeadora profesional, gran nai e traballadora que non para ata conseguír a súa meta! Campioa MUNDIAL.

2. O que nos puxo en contacto foi o mural Expostas contra a violencia de xénero, que é o que máis che gusta do proxecto?

Gústame a iniciativa de poñer unha imaxe con corpo, cara e VOZ! E gritar no alto que xa BASTA! Para que esas mulleres e homes tenten confiar noutras persoas para poder pedir axuda. A miña man e o meu berro só están comezando!

3. A violencia de xénero é un problema que ten a máxima atención nos departamentos de igualdade, está considerado un problema principal, pero as cifras aumentan cada día, cres que hai que cambiar algo?

Si, cambiaría moitas cousas, e sobre todo dependendo do caso de cada persoa, sexa home ou muller! Porque por sorte ou por desgraza cada caso é un mundo! 

4. Os estudos sinalan a ausencia de denuncias como parte do problema, que opinas?

Pois que é certo! Eu falo da miña experiencia, e eu son consciente de que por medo tiven que quitar a denuncia.

5. Dar a cara e dar a coñecer o problema, sobre todo por parte de xente coñecida e inspiradora, fixo avanzar na loita. Se puideses escribir unha palabras para outras mulleres, adolescentes e nenas nesta situación, que lles dirías?

Todo empeza na adolescencia para ambos: sexa moza ou mozo, cada un ten unha personalidade, unha forma de vestir, unha forma de vivir e unha forma sentir, e ninguén ten dereito a cambiar iso. Se iso non está no gusto da persoa que se está empezando a coñecer, cada un polo seu lado, e acabouse! As persoas que se queren, apóianse, axúdanse, admíranse, confíase, respéctanse, pero nunca se lle fai DANO nin FÍSICO nin MENTAL.

6. Queremos que a mensaxe xeral do noso proxecto sexa positiva, de loita, de esperanza… Que quererías engadir a esta mensje?

Abride os ollos! Tendede a man! Valedes para todo o que vos propoñades! Somos loitador@s e merecémonos o mellor, e ser felices! O sorriso é algo que ninguén nos pode quitar. EU MERÉZOME SORRIR e TI TAMÉN!

7. Atreveríaste a dar unha definición de muller para os dicionarios do futuro?

Contando que non tod@s son iguais, non non me atrevería a facer unha definición global, pido desculpas! Pero si podo expoñer como me gustaría que fosen: Mulleres guerreiras, fortes, seguras á vez que tenras, con gran corazón, con metas, cun sorriso que nada nin ninguén pode roubar!

Máis información sobre Miriam >> 

 

Máis sobre o mural #NinUnhaMenos >>