SILVIA PENAS

– Quen é Silvia Penas?

O meu pai é da Ribeira Sacra e miña nai era de Vilasobroso, persoas que, coma tantas daquela, emigraban á cidade para traballar e que conforman a maior parte da poboación viguesa, polo tanto eu son viguesa de pura cepa, e de familia obreira, cun sentido moi acusado da xustiza, da inxustiza e da lealdade, orgullosamente herdado tamén do ámbito familiar. Desde cativa me sentín atraída pola literatura e vivía e creo que sigo vivindo abstraída no universo dos textos e das palabras.

– É un bo momento para ser unha “feminista de letras”?

Pois tendo en conta que existen espazos de visibilidade coma este voso por exemplo debe selo, cando menos un bo momento para que nos escoiten e nos vexan. No meu caso que adoito levar as letras ao terreo escénico encárgome de berralo abondo. Sempre pensei que se tes un micrófono na man convén usalo para finalidades urxentes. Considero que é un momento en que só se pode ser feminista, non selo sería un absurdo, nas letras ou en calquera campo.

– Consideras a escritura como unha ferramenta para a transformación da sociedade? 

A escrita é unha pequena parte do discurso social, ninguén escribe allea ao seu tempo e espazo nin tampouco pode aillar o que escribe de milleiros de capas culturais que acompañan e interveñen na produción e posteriormente na lectura dun texto. Non se trata da utilidade que lle queira dar en si mesma á escrita, senón da súa propia natureza; enténdoa en si mesma coma un artefacto de transformación social simbólica.

– Pode cambiar a lectura a nosa forma de estar no mundo, como cidadás e como mulleres?

Se hai algo que pode ser catártico e transformador é a lectura, porque ademais ten a capacidade de ser diferente cada vez. O que atopamos no fondo da obra é a nosa propia mirada verquida sobre ela. Cada vez que recibimos un texto, aínda sendo o mesmo texto, a nosa mirada é diferente e así evoluímos e cambiamos a través dun entendemento que vai máis alá da intelixibilidade e do significado literal. Si, definitivamente, a lectura modélanos e convértenos, ás veces drasticamente, ás veces pouco a pouco, noutras persoas.

– Faltan máis mulleres na poesía galega que reivindiquen a interpretación feminina do mundo a través deste xénero?

Hai moitas mulleres na poesía galega, atreveríame a dicir que todas elas cunha conciencia de xénero moi clara e clarividente. Temos moita sorte nese sentido, somos unha tribu de mulleres bravas.