YOLANDA CASTAÑO

– Quen é Yolanda Castaño?

Unha muller que, dende ben nena, fixo da poesía un xeito de vida. Dende entón escríboa, léoa, recítoa, tradúzoa, edítoa, grávoa en vídeo, mestúroa con mil outras linguaxes creativas, escóitoa, lévoa de viaxe, traioa ao meu país, promóvoa, divúlgoa, bérrolla ao mundo, douna a coñecer polas esquinas do planeta, póñoa en escena, guíndoa coma unha luva, fantaséoa, deféndoa a morte, sóñoa, contamínoa de vida, pronúncioa nos medios, trato de dignificala, espálloa, quéroa, fágolle o amor, celébroa.

– Tes editados dous libros de poesía infantil. Como cambia a abordaxe dunha obra deste xénero cando vai destinada a un público tan novo?

Está xa próxima a saída do que será xa o meu sexto poemario para nenos e nenas! E eu mesma fun unha cativa que -con só 6 anos- namorou daquel xeito máxico de expresar con palabras que parecían contar cantando, e que con 7 enseguida tratou de imitar aquela maneira de comunicar. Precisamente por iso contraín unha débeda silenciosa: a responsabilidade de tratar -tamén eu- de contaxiar, educar e transmitir ese gusto polo verso a outros rapaces e rapazas.

Penso que as máis pequenas e pequenos entran sen maiores dificultades na musicalidade das rimas, no sentido do humor e na expresividade cantarina e divertida destes poemarios nos que hai que deixar un pouco de lado a solemnidade, certa gravidade e certo grao de sofisticación en favor dunha maior frescura, alegría, sentido lúdico e ás veces mesmo gamberrismo.

– Que supón, como personaxe pública con gran repercusión, a promoción da lingua galega a través de proxectos multidisciplinarios co potencial de chegar a públicos diversos?

Es moi xenerosa, pero a repercusión -en materia poética- sempre é ben relativa. Con todo, claro que poñemos toda a nosa entrega no apoio á lingua e a nosa escrita dun xeito que non quede na endogamia dos convencidos/as para os convencidos/as, no círculo do pequeno gremio que somos: mesturarnos con outras artistas, outros territorios, outras disciplinas, sácanos da nosa torre de marfil, ponnos en contacto con outras perspectivas e axudanos a confrontar moitas situacións, condicións e circunstancias tamén do noso oficio. Case non houbo unha dúbida ou conflicto que tivese canto ao meu traballo creativo que non resolvese grazas ao diálogo con creadoras/es doutros terreos. A través destes proxectos multidisciplinarios chegamos a públicos novos e conquistamos novos lectores e lectoras que, nalgúns casos, mesmo rachan os seus prexuízos sobre a poesía logo de coñecernos a nós e o noso traballo. Mudar eses estereotipos sobre un xénero literario sobre o que seguen a caer uns cantos perconceitos é tamén a nosa débeda e responsabilidade. E só o coñecemento pode mudalos.

– Dirías que a teoría literaria hexemónica foi xusta, tradicionalmente, co papel e o peso das literatas na Historia da literatura galega? 

Non o foi nin aquí nin noutras coordenadas xeopolíticas porque o sistema era e é absoluta e tradicionalmente patriarcal, polo que ese silenciamento e esa falta de visibilidade resultou ben estendida. O feminismo está a facer un traballo valiosísimo de recuperación da memoria das mulleres, de visibilización dos seus traballos e de posta en valor a fin de reequilibrar esa balanza tradicionalmente enferma. Toda Historia pódese (e débese) revisar; resulta san e desexable. Por iso cómpre confiar nun futuro máis equitativo e moito menos sesgado. O que en Galicia leva facendo a loita feminista é sen dúbida un excelente traballo e, se ben non se deben lanzar campás senón permanecermos sempre alertas habendo tanto por mellorar, o certo é que os logros en materia cultural non foron pequenos. A realidade galega, e máis en concreto no terreo da poesía galega actual, non se encontra nin tan mal. Hai que seguir loitando!

– Faltan máis mulleres que, coma ti, promovan, planifiquen ou dirixan importantes eventos literarios, ou teñan unha maior visibilidade no circuíto galego, nacional e internacional?

Tirando do fío co que remataba a miña resposta anterior, se ben é certo que nos últimos anos ás creadoras estanse sumando críticas literarias, editoras, investigadoras, xuris de premios e programadoras -algo sen dúbida crucial para o sistema- sempre sería positivo que ese número seguise crecendo. Canto á visibilidade estatal e internacional, témome que as carencias son tan fondas e sistémicas que afectan de xeito semellante a ambos xéneros…