A representación da muller

Resulta non só interesante, se non necesario, analizar cómo é abordada, tradicionalmente, a natureza da representación feminina na arte contemporánea en xeral, e na arte urbana en particular. A importancia de analizar a representación da muller na arte urbana, e de buscar formas de figuración que contribúan ao empoderamento da muller a través da arte, estriba en que as imaxes son eficaces ferramentas de creación, reprodución e transmisión de significados. A construción da realidade coñecida polo imaxinario colectivo realízase de maneira conxunta a través da aceptación das imaxes transmitidas. A transmisión dunha imaxe falsa, xera unha falsa crenza, que terminará sendo socialmente aceptada.

O potencial da arte urbana coma vehículo condutor e difusor de significados é incuestionable, dado que, debido ao seu emprazamento (o espazo público), as mensaxes vertidas a través das pezas adquiren unha forza e un calado superior a outras manifestacións plásticas. Isto é debido, fundamentalmente, a dous feitos: o primeiro, a súa localización, pois unha mensaxe difundida na rúa, sen dúbida, ten unha capacidade de impacto cuantitativamente superior ao que pode ter unha obra reservada ao público minoritario que visita unha galería ou unha sala de exposicións. En segundo lugar, e novamente, vencellado ao espazo no que se inserta a mensaxe, o contexto urbano re-significa a peza, ofrecendo un marco conceptual que determina a lectura e o que de ela se extrae.

En moitos aspectos, a muller segue a ser relegada á esfera privada da vida doméstica. Un repaso pola historia da arte moderna e contemporánea máis academicista (aquela cuxas pezas podemos atopar nos museos) mostra claramente o papel que o patriarcado concede á muller, a representación da cotidianeidade de ese “anxo do fogar” deseñado polo capitalismo liberal burgués e masculino: salóns, habitacións, mobles… elementos de gran carga simbólica que representan o vínculo que a sociedade patriarcal trazou entre a muller e o espazo privado.

De aí a importancia de visibilizar a muller na rúa, non só coma artista, senón como motivo de creación.