#PasadoPresenteFuturo

A terceira intervención realizada no marco do proxecto Expostas produciuse nun contexto privilexiado: a celebración da Noite Branca 2018, esa festa tan especial na que a cidadanía viguesa ten a oportunidade de asistir aos museos locais máis aló da medianoite. Nesta ocasión, as instalacións do Museo Verbum acolleron a un bo número de artistas urbanas/os que, durante a noite do 11 de agosto, e baixo o título Os Tres Tempos do Verbum, interviron unha serie de espazos habilitados ante a mirada das/os asistentes.

Expostas tamén estivo presente, nesta ocasión, cun mural colaborativo que pretendía explorar, a través de tres nomes e os seus testemuños, o Pasado, o Presente e o Futuro da muller galega. As tres protagonistas escollidas foron Maruja Mallo, artista plástica internacionalmente recoñecida, en representación do Pasado; Wöyza, artista, compositora, cantante de soul e hip-hop e guerreira onde as haxa; e Area, unha novísima promesa do feminismo, da arte e todo canto proxecto se anime a emprender esta pequena/grande loitadora.

Ao redor de 40 persoas, nenas/os e maiores, participaron (ao longo de máis de seis horas), na creación desta peza que pretende rendir homenaxe ás distintas xeracións de mulleres que, xuntas, fixeron, fan e farán Historia.

Vídeo resumo da xornada.