Non dicimos nada novo se afirmamos que este 2020 está sendo un ano difícil para todo o mundo. O actual contexto de pandemia azota, en maior ou menor medida, a todo o mundo, e todas/os nós vivimos no noso día a día os cambios que a COVID-19 trouxo consigo (algún pasaxeiros; outros, nos acompañarán durante moito tempo).
Sen dúbida estes últimos foron meses de medo, incerteza, pena e restricións. Pero en medio deste contexto escuro e un tanto hostil, houbo, hai e seguirá habendo un grupo (ben grande, por certo) de mulleres que, co seu labor cotián, permiten que o mundo siga adiante, e que as consecuencias desta pandemia nas nosas vidas sexan, dentro do posible, un pouco máis levadías. Son as nosas #mulleresenprimeiraliña, representadas neste Expostas 2020 por Marina Riobó (caxeira de supermercado), Lucía González (farmacéutica), Bárbara Bello (enfermeira de urxencias), Carmela Troncoso (especialista en privacidade e seguridade de sistemas e coordinadora do desenvolvemento da app europea de seguimento de contaxios) e María José Alonso (científica da USC que lidera un equipo de estudo de vacinación).