#MulleresPrecursoras

O contexto social e político existente no verán de 2023 fai que Expostas vexa máis necesario que nunca por en valor a esas mulleres pioneiras que, dende eidos diversos como a literatura, a política, as artes visuais ou o dereito, contribuíron (moitas veces xogándose o prestixio, a posición social e mesmo o propio corpo) como ninguén a dotarnos dos dereitos e liberdades das que hoxe aínda gozamos, se ben xa non é posible negar que se atopan en perigo.

Por iso, este Expostas 2023 está dedicado a esas #MulleresPrecursoras, grandes entre as grandes: Rosalía de Castro, Maruja Mallo, Emilia Pardo Bazán, Clara Campoamor e Concepción Arenal. Se ben todos os anos falamos da valentía e a forza amosada polas nosas protagonistas, cada unha no seu campo de traballo, nesta ocasión somos ben conscientes de que o noso mundo sería hoxe moi diferente (para mal) de non ter contado coa presenza, o valor e a sororidade destas mulleres. Grazas infinitas!