#MulleresNaMúsica

No 2022 Expostas quere render especial tributo ás nosas músicas: compositoras, intérpretes, cantantes e, sobre todo, creadoras de atmósferas, das bandas sonoras das nosas vidas. Mulleres que son quen de lograr que os nosos momentos permanezan vencellados para sempre á emoción das súas voces, das súas palabras, do seu virtuosismo e da súa valentía. 

Nesta ocasión, a potencia inspiradora destas artistas debía chegar, coa súa forza, á xente máis nova. E que mellor que na rúa Coutadas 78, no corazón do noso querido Teis, e a poucos metros do IES Rosais 2. Alí moran dende hoxe Woyza, Daniela Costas, Cristina Pato, Isabel Pérez Dobarro e BFlecha, para lembrar ás novas xeracións (e a quen se achegue ao Barrio das Flores) que o talento feminino rompe barreiras, cruza océanos, remove conciencias e aquieta as almas.