Lorena Arévalo

Lorena Arévalo (1984) é investigadora visual e muralista. Tras cursar o itinerario de Creatividade da licenciatura en Ciencias da Comunicación, abandonou as axencias de publicidade hai dez anos para vencellarse a distintos movementos sociais, especializándose posteriormente en Arte Contemporánea no Instituto Superior de Arte de Madrid.

No ano 2013 entra a formar parte do grupo de investigación CS1 da Universidade de Vigo, participando en diversos proxectos de investigación desenvolvidos polo departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, e impartindo docencia nos Graos de Comunicación Audiovisual e Publicidade e RRPP. Ao longo dos anos seguintes, traballa na súa tese de doutoramento, titulada “Arte urbano y comunicación local. Apropiación de discursos visuales para el cambio en Galicia y norte de Portugal (2008/2016)”, que defende en xuño de 2017, sendo recoñecida co Premio Extraordinario de Doutoramento en Artes e Humanidades.

Concibe os seus proxectos de investigación (nos que explora as potencialidades da arte como ferramenta de cambio social) como unha forma de activismo. Para iso, participa na posta en marcha de iniciativas de acción colectiva, e na creación de obras con vocación emancipadora. A súa principal liña de investigación e creación é o papel da arte como elemento integrador capaz de reforzar os vínculos sociais en pequenas comunidades, reivindicando e visibilizando a identidade colectiva. Ten publicado diversos artigos en libros e revistas académicas, e participado en congresos nacionais e internacionais, así como en exposicións colectivas, con traballos que xiran en torno a esta temática.

Dende a fundación de Til Diacrítico no ano 2014, encárgase da dirección creativa dos proxectos do colectivo.