Colaboradoras/es

O proxecto Expostas non só somos Vanesa Álvarez e Til Diacrítico, non só son as nosas protagonistas, en cada mural hai moitas persoas e entidades detrás que nos axudan, que nos fan medrar e que colaboran para facer cada intervención un pouco máis real.

Por iso queremos agradecer a cada unha delas a súa participación.

Ás Protagonistas, e ás persoas que nos permiten chegar ata elas e ás súas historias

A Jorge Santomé, fotógrafo, que nos permitiu usar a súa fotografía de Ana María Soto como base para a ilustración.

A David García e Faro de Vigo, por cedernos a súa entrevista de Ana María.

Ao Museo Massó e Manuel Aldao, por axudarnos a localizar á familia de Ana María Soto, e a Enrique Soto polo seu «Sí».

A Pay Pay, e en especial a Yolanda Comesaña, pola súa axuda e apoio.

Ás/aos fotógrafas/os e aos medios

Bernard Betancourt, Las Dos Marías, Po&Pla e Óscar Vázquez, grazas por seguir os nosos pasos en cada muro e sobre todo por retratar o proceso creativo para que o poidamos recoller e mostrar nesta web, nas nosas redes sociais e nos diferentes medios. Grazas por retratar moito máis que pintura nas vosas imaxes!

Grazas tamén á prensa pola cobertura do mural e dos que están por vir, en especial ás rapazas e rapaces de Localia Vigo, que foron estrictas/os coa información e en todo momento mostraron o seu interese máis alá da noticia.

Ao Concello de Vigo

Por apoiar o primeiro mural de Expostas, #NinUnhaMenos, e agardamos que moitos máis. Por implicarse na procura do espazo máis adecuado e dar apoio inmediato ás nosas peticións pero, sobre todo, por facelo real e valorar o noso proxecto.

Ao Concello de O Rosal e a Deputación de Pontevedra

Por facer posible que Expostas comece a espallarse máis aló da cidade de Vigo, o seu berce, e por seguir traballando pola reivindicación das grandes figuras femininas esquecidas da nosa historia.

Ao resto de artistas

Por respectar a nosa obra aínda que estea na rúa, por entender o seu sentido social e colaborar no seu coidado.

Ao noso apoio técnico

Marcos de la Fuente, David Arambarri e Eduardo. E por suposto, a Talleres ABC por todas as facilidades.

Ás nosas familias e amigas/os

Que están xa fartas de tanto agradecemento que, saben, levará a máis peticións de favores no futuro. Grazas por compartir en redes, grazas polo orgullo, grazas por falar de nós. Grazas por axudar de xeito literal cargando materiais e grazas por agardar á baixada da grúa para coidarnos. Pero sobre, todo grazas a Marcos por xuntarnos a todas e coidar á nosa artista.