Susana Maceiras

Susana Maceiras, Vigo (1982) é licenciada en Ciencias Políticas e Sociais pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa formación é froito do seu interese e destreza na análise social, análise de organizacións e capacidade de planificación. Completou a súa formación cun máster en Xestión Medioambiental e coa especialización en Cooperación Internacional e Axuda Humanitaria.

Tras varios anos traballando como responsable de comunicación e asesora en diversos departamentos da administración pública galega, realiza a súa primeira viaxe a proxectos de cooperación, a Nicaragua, onde entra en contacto con outras culturas e a partir da cal profundiza na súa formación en xénero, como responsable do departamento de Igualdade da Deputación de Lugo, onde impulsa o primeiro plan de igualdade da provincia. Anos despois viaxa a Cabo Verde para participar en formacións sobre igualdade.

Tras esta etapa viaxa a Madrid para formar parte do departamento de Cooperación Cultural da Agencia Española de Cooperación para el Desarrollo onde comeza a traballar coa cultura como ferramenta para o cambio social, recoñecendo a forza desta área para poder mudar as sociedades e facer chegar mensaxes, pero sobre todo para elevar a autoestima das persoas.

En 2014 funda Til Diacrítico xunto a Lorena Arévalo, aventura da que meses despois formaría parte tamén Cristina Navia. Como empresa, Til Diarítico desenvolve proxectos de cultura participativa en espazos públicos, sendo a arte urbana a principal ferramenta, ademais de colaborar na produción de eventos sempre no espazo público.

Dentro de Til Diacrítico, xa convertida en asociación, encárgase do deseño social dos proxectos, da planificación comunicativa e da comunitación dixital, como sucede en Expostas.