#NinUnhaMenos é o primeiro mural do proxecto Expostas. Esta primeira experiencia conta co apoio e colaboración do Concello de Vigo, e está enmarcado dentro do programa de arte urbana «Vigo, Ciudad de Color» que cada ano, dende 2015, está convertindo a cidade nun museo vivo e aberto.
A temática en torno a cal xira o deseño deste primeiro mural é a violencia de xénero. Unha cuestión «sensible» que era imprescindible tratar con respecto e coidado.
A experiencia profesional dunha parte do equipo en cuestións de xénero en xeral e violencia en particular, permitiu construír un marco conceptual orientativo e participativo, a partir do cal naceron as ideas, os deseños e o boceto final, sempre seguindo a liña gráfica de Expostas.
A participación das tres protagonistas (Lupita Hard, Miriam «La REYNA» Gutiérrez e Cruz), a suma das súas personalidades e o encaixe de historias de vida moi diferentes, dirixiron dende o primeiro boceto o resultado final. Tanto elas como o equipo detrás de Expostas, somos representativas da heteroxeneidade de enfoques, ideas, sentimentos e formas de vida que adoptan as mulleres. A sorodidade é o único camiño para loitar xuntas, para contar a quen o necesite, e incluso a quen non quere escoitalo, que non estamos soas. Que non estades soas.
No mural está presente unha frase que lle da título: «Nin unha menos». Símbolo da loita contra a violencia de xénero nos últimos tempos, un berro unánime para decir ao mundo de xeito firme que non imos deixar de loitar mentres sigan sometendo, sufrindo ou matando a mulleres ao redor do mundo.
Xunto ao lema, tres mulleres, tres posicións, de forza, de loita, de serenidade e seguridade contra todos os tipos de violencia que están presentes día tras día na nosa sociedade, e contra os que só temos un berro único: Querémonos libres, Querémonos vivas.