O ano 2024 trae unha nova edición de Expostas, esta vez dedicada ás mulleres na ciencia. Tradicionalmente, poucos eidos do marco académico e de investigación rexistraron un nivel de invisibilización e dificultade para as mulleres tan notable e inadmisíbel como o científico: omisión das súas figuras nos libros de texto das escolas, silenciamento das súas voces no debate público, dificultades de acceso á carreira académica, falta de referentes (non porque non existisen), etc.
Por iso, este ano as nosas protagonistas son cinco mulleres excepcionais, que dende diferentes eidos de coñecemento científico están na vangarda da innovación. Elas son Carmen Misa (enxeñeira de telecomunicacións do CERN), Amparo Alonso Betanzos (enxeñeira química especialista en TIC e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial), Marisol Soengas (bióloga, especialista en oncoloxía e referente no estudo do melanoma do CNIO), Josefina Ling (astrónoma, investigadora da USC, comisaria da exposición AstrónomAs e premio Edmond Girard da Sociedade Astronómica de Francia-SAF) e María Elena Vázquez Cendón (matemática, decana da Facultade de Matemáticas da USC e integrante do Consello da Cultura Galega).





