#NaisDeÉrguete

O pasado 8 de marzo celebramos, un ano máis, o Día Internacional da Muller. Este ano, a implicación de Expostas foi máis aló da mobilización individual das súas integrantes, para pasar á acción da man do Centro Comercial Travesía da cidade de Vigo, que nos convidou a participar nunha actividade moi especial: unha homenaxe ás náis da asociación Érguete, que este ano celebra o seu 40 aniversario.

Nun percorrido polo pasado, o presente e o futuro desta asociación, o CC Travesía quixo facer un repaso pola historia deste grupo de mulleres pioneiras, fortes, valentes, decididas… e nais. Un colectivo de mulleres que xa nos anos 80 tivo a coraxe de saír ás rúas e enfrontarse non só aos poderosos narcos da época, senón tamén a todo un sistema corrupto que os apoiaba e defendía. Hoxe, saír a reivindicar dereitos, liberdade e xustiza pode parecer algo cotián, e relativamente carente de perigo; pero no contexto no que estas mulleres fixeron historia, a súa acción implicaba insultos, ameazas e mesmo agresións. A cara máis visible da asociación, Carmen Avendaño, pero tamén Elvira, Tonina, Dora, Carmen e Sonia prestáronnos a súa imaxe e o seu relato para poder levar a cabo esta acción.

Por iso, porque se hoxe estamos onde estamos é grazas a mulleres coma elas, esta acción especial 8M de Expostas vai dedicada ás #naisdeérguete.