O PROXECTO

O proxecto Expostas avoga pola reflexión sobre a imperiosa necesidade de re-apropiación do espazo público por parte das mulleres, como artistas e como colectivo representado. E é que, ¿quen dixo que a rúa “non é sitio para mulleres”?

A muller artista

Que a arte urbana é unha disciplina predominantemente masculina é algo que non sorprende a ninguén. O habitual, cando preguntamos a un artista urbano sobre este feito, é que se encolla de ombreiros e responda cun apático “si, é verdade”. Deste xeito, os membros do colectivo aceptan, sen buscar explicación, que efectivamente resulta complicado atopar mulleres que, no seu eido, gocen do seu mesmo nivel de recoñecemento. Se esta diferenza é debida a unha cuestión de desinterese por parte das potenciais artistas femininas, ou a unha consecuencia directa do absoluto predominio masculino no pechado e cohesionado grupo de artistas urbanos, é un tema sobre o que merece a pena reflexionar, se ben a resposta parece clara. E é que, ¿que argumentos poderíamos esgrimir, máis aló do evidente: que o eido da arte urbana, coma outras disciplinas artísticas, atopase predominantemente dominado por homes? E iso non se debe, dende logo, a que non existan excelentes mulleres artistas capaces de darlles réplica: as obras de arte realizadas por mulleres representan o 65% do total da produción da arte contemporánea, mentres o mercado visibiliza maioritariamente o traballo dos homes, segundo datos ofrecidos por MAV (Mulleres nas Artes Visuais) tras estudar a presenza feminina na derradeira edición de ARCO. Así, lonxe de recoñecerse como creadora, a muller parece quedar relegada ao eterno papel da musa inspiradora.

Por este motivo, é necesario reivindicar o papel da muller na creación muralística internacional, non só porque, como se indicou, existen grandes creadoras cuxa labor merece ser recoñecida, se non porque a única forma de aportar unha visión feminina do mundo é facelo a través dos ollos (e as mans) dunha muller.

A muller representada

Resulta non só interesante, se non necesario, analizar cómo é abordada, tradicionalmente, a natureza da representación feminina na arte contemporánea en xeral, e na arte urbana en particular. A importancia de analizar a representación da muller na arte urbana, e de buscar formas de figuración que contribúan ao empoderamento da muller a través da arte, estriba en que as imaxes son eficaces ferramentas de creación, reprodución e transmisión de significados. A construción da realidade coñecida polo imaxinario colectivo realízase de maneira conxunta a través da aceptación das imaxes transmitidas. A transmisión dunha imaxe falsa, xera unha falsa crenza, que terminará sendo socialmente aceptada.

O potencial da arte urbana coma vehículo condutor e difusor de significados é incuestionable, dado que, debido ao seu emprazamento (o espazo público), as mensaxes vertidas a través das pezas adquiren unha forza e un calado superior a outras manifestacións plásticas. Isto é debido, fundamentalmente, a dous feitos: o primeiro, a súa localización, pois unha mensaxe difundida na rúa, sen dúbida, ten unha capacidade de impacto cuantitativamente superior ao que pode ter unha obra reservada ao público minoritario que visita unha galería ou unha sala de exposicións. En segundo lugar, e novamente, vencellado ao espazo no que se inserta a mensaxe, o contexto urbano re-significa a peza, ofrecendo un marco conceptual que determina a lectura e o que de ela se extrae.

En moitos aspectos, a muller segue a ser relegada á esfera privada da vida doméstica. Un repaso pola historia da arte moderna e contemporánea máis academicista (aquela cuxas pezas podemos atopar nos museos) mostra claramente o papel que o patriarcado concede á muller, a representación da cotidianeidade de ese “anxo do fogar” deseñado polo capitalismo liberal burgués e masculino: salóns, habitacións, mobles… elementos de gran carga simbólica que representan o vínculo que a sociedade patriarcal trazou entre a muller e o espazo privado.

De aí a importancia de visibilizar a muller na rúa, non só coma artista, senón como motivo de creación.

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s